A actriz Sara Casasnovas iniciou a súa traxectoria artística en series da Televisión de Galicia e en diferentes espectáculos de cabaré. Ao longo da súa carreira, exerceu como intérprete tanto en cine coma en teatro e en televisión. No seu haber conta cunha considerable serie de galardóns e candidaturas a premios da escena e mais do audiovisual.
Un dos seus primeiros traballos en teatro foi en Romeo e Julieta, co que logrou o Premio Fetega á mellor Interpretación feminina. No eido audiovisual, Sara Casasnovas comezou en series galegas como A vida por diante ou As Leis de Celavella. Despois deu o salto á televisión estatal e participou en producións como El comisario ou Hospital Central. Para a TVE protagonizou Amar en Tiempos revueltos, traballo que lle achegou gran recoñecemento do público, así como varios premios á actriz revelación. Sara Casasnovas volvería repetir o mesmo papel nunha posterior miniserie, así como na renovada Amar es para siempre, de Antena 3 Televisión. Posteriormente, consolidouse como actriz de teatro con obras como La Noche de la iguana, dirixida por María Ruíz, Electra, dirixida por Ferrán Madico, ou Paradero desconocido, dixirida por Laila Ripoll.
En cine, protagoniza -entre outras- Gernika bajo las bombas, de Luis Marías; Arriya, de Alberto Gorritiberea; Sinbad, de Antón Dobao, ou Tercer Grado, de Geoffrey Cowper. Entre os seus premios, destacan o Fetega á mellor actriz, o galardón á mellor actriz no Festival Dumas de Cine, o de mellor actriz no Festival Europeo de Castela A Mancha e o de mellor actriz no Kimera Internacional Film Festival de Campobasso (Italia).