top of page

Neil Labute

 

Director de cine, guionista e dramaturgo norteamericano. Moi influenciado nos seus inicios pola dramaturxia de David Mamet, LaBute estuda teatro na Brigham Young University (BYU). Coñece entón o actor Aaron Eckhart, con quen traballará con frecuencia nas súas películas posteriores. Pouco tardaría en se vincular á igrexa dos Adventistas do Sétimo Día. Máis adiante remataría por se licenciar pola Universidade de Kansas, pola New York University e pola Royal Academy of London.

 

En 1993 volve á universidade de Brigham para estrear o seu primeiro éxito, In the Company of Men, que recibiu un premio da Association for Mormon Letters. O éxito da peza lévao a facer a adaptación cinematográfica, que gaña o premio ao mellor director no festival de cine de Sundance, o primeiro dunha longa serie de galardóns. A crítica eloxia especialmente o retrato perturbador das relacións humanas de dous homes de negocios misóxinos.

 

En 1998 aparece a súa segunda película Your Friends & Neighbors, descarnado retrato da vida sexual de tres parellas onde traballa tamén con Eckhart e con Ben Stiller. O ano seguinte estrea Latter-Day Plays, tres pezas curtas (Iphigenia in orem, A gaggle of saints e Media redux) que retratan descarnadamente a igrexa dos Adventistas do Sétimo Día, dos que fará unha versión televisiva. A súa rotundidade supuxo a ruptura definitiva de LaBute co esta confesión.

 

En 2000 dirixe Nurse Betty, cun guión que non é seu, e que lle fai gañar a Palma de Ouro do Festival de Cannes á Mellor Dirección. En 2002 estrea outro filme, Possession, baseado no best-seller de A. S. Byatt, e The Mercy Seat, un espectáculo en resposta aos atentados do 11-S en Nova York interpretado por Liev Schreiber e Sigourney Weaver nos papeis protagonistas. A peza, un cara a cara cos mitos que os neoiorquinos erixiron para atopar o consolo diante dos ataques, obtivo un gran éxito. En 2006 dirixe The Wicker Man, unha nova versión deste clásico de terror británico, agora interpretado por Nicolas

Cage e Ellen Burstyn. Posteriormente, traballa na adaptación cinematográfica de The Danish Girl , de David Ebersho.

 

LaBute erixiuse, a través das súas obras, nun xuíz implacable na beira máis escura da natureza humana e da sociedade norteamericana. As súas películas mantiveron gran parte do esqueleto dramatúrxico do seu teatro: só personaxes que falan e revelan até que punto son malvados, escuros, ignorantes, ilusorios, ferintes, desilusionados e cínicos.

bottom of page