top of page

The Shape of Things é unha brillantísima comedia negra asinada por Neil LaBute, considerado como o herdeiro natural de David Mamet. Trátase dunha historia provocadora, contundente, intelixente e moi divertida que pescuda sobre os límites do amor e da arte contemporánea.

 

Atopamos no texto unha obra que apela directamente ao espectador, espertando preguntas ás que todos –dalgún xeito ou doutro– debemos afrontar nalgún momento da vida: Até onde estamos dispostos a chegar no nome do amor? Estamos polo labor de renunciar á nosa dignidade? E á nosa intimidade? Situámonos así diante dun perverso xogo ao redor do ridículo e da humillación pública, onde o sexo se transforman na maior das ferramentas de manipulación.

 

Referímonos a unha das obras que catapultou a un autor, Neil LaBute, que ten demostrada a súa habelencia para nos contar historias de personaxes correntes que, ás veces, se comportan de xeito cruel e que o fan sen un motivo aparente. Precisamente esa conduta falta de razóns, atentado a toda lóxica, é a que fai que nos sintamos identificados, representados, retratados.

 

Nesta pequena xoia, LaBute –a través dunha escrita intelixente e perspicaz, de ritmo trepidante e chea de diálogos irónicos– abre un debate sobre os límites morais das relacións humanas, da arte e da complexidade da mente humana. Tamén sobre a súa capacidade de manipular e de ser manipulada. Este xogo de emocións constitúe un espello que LaBute nos chanta diante para nos amosar unha sociedade na que a intimidade está continuamente exposta e na que o único importante é a aparencia, a imaxe, o reflexo. En definitiva, a forma das cousas. Está é unha traxicomedia sobre a vaidade e a manipulación baixo a máscara dunha gran broma cruel, que non deixará o espectador indiferente.

 

bottom of page