top of page

Pablo Seoane | Música orixinal

 

Intérprete e compositor, Pablo Seoane (Ferrol, 1968) conta cunha ampla formación que reborda as marxes da música. Así, ademais de ter estudado no Conservatorio Musical Superior da Coruña e con diversos cursos e master-class, conta con estudos de Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela e de Filoloxía Inglesa na Universidade de Salmanca. Grazas a esta bagaxe no ámbito filolóxico, exerceu como lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Wake Forest (Carolina do Norte, EUA) e traduciu ao galego obras como Desobediencia civil e vida sen fundamento (de H.D Thoreau, Edicións Positivas 2001), Rough for Radio (Samuel Beckett, 2003), ou o poemario Le Bestiaire (de Guillaume Apollinaire, Positivas 2015).

 

Como compositor e instrumentista de espectáculos teatrais, Seoane participou en montaxes como Coma, Gramática Caníbal (monólogo de Cláudia Campos), Miramira (compañía Ultramarinos de Lucas), Entre Silencios (Mu Teatro) ou Match de Improvisación Teatral (dirixido por Simone Negrín).

 

Participou nun feixe de discos de diferentes formacións: A falsa baiana (con Cláudia Campos Trío, 1998), Cruzada (Grupo do Seminario de Jazz de Pontevedra, 2003), Falou (Pablo Seoane Trio, 2006), SAR 40 (xunto a LAR Legido, 2009), Pronto acabará el sufrimiento (Tripo, 2013) ou Inópia (xunto a Lar Legido e J.M Díaz). Son só uns poucos exemplos dun artista que, ademais, residiu en Río de Janeiro, onde traballou como compositor e pianista de Compañía Mu Teatro; que fundou a ROFCOM (Real Orquestra Fortuíta da Costa da Morte); que codirixiu as IV Xornadas de Filosofía da Costa da Morte (Pensar a Voces) ou que dende 2006 actúa en festivais, teatros e salas dentro e fóra de Galicia. Por último, débese destacar que vén de estrear no Teatro Principal de Santiago de Compostela a obra Bestiario Traído.

bottom of page