Machi Salgado, actor polivalente que ten demostrado a súa calidade tanto no escenario coma diante da cámara. Teatro, cine e series de televisión engordan un currículo que, no pasado 2015, viuse recoñecido nos XIX Premios María Casares de Teatro co galardón á mellor interpretación masculina protagonista. A profesión celebraba así o seu traballo e todo o talento que verteu no personaxe principal da obra O Feo, da compañía Catro Cadeiras. Salgado recibía esta distinción despois de moitos anos de formación e oficio,
cunha carreira de longo percorrido que iniciou a finais dos anos noventa.
Naquela época, estivo vinculado á Aula de Teatro da USC na que, dirixido por Roberto Salgueiro, participou en montaxes como A cabeza do dragón (texto de Valle-Inclán, 1998) ou Os vellos non deben de namorarse (obra de Castelao, 1999).
Pouco despois, comezaría a traballar con Balea Branca, realizando papeis protagonistas en montaxes como O bico da muller araña (2003), ou Ai, Carmela! (2003). Non tardaría en traballar no Centro Dramático Galego, onde realizou un papel protagonista na adaptación da obra A boa persoa de Sezuán. No seu traballo escénico, tamén destacan os seus traballos con ESCENATE, onde desenvolveu unha longa lista de papeis ou coas
montaxes da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), onde intervén en montaxes como A disputa, A Illa dos escravos ou o Dondo sabor das mazás. Precisamente na ESAD acadou a Titulación Superior de Arte Dramática, coa que culminou unha ampla formación que cultivou tamén con mestres do nivel de Asumpta Senra, Montxo Armendáriz ou Scott
Cleverdon en diversos cursos e obradoiros.
No audiovisual, ten participado con roles secundarios nunca longa lista de series, como son O Faro, Matalobos, Rias Baixas, Escoba, Pazo de Familia ou Serramoura. Tamén formou parte dos elencos de filmes como Doentes, telemovies como Cota Roja ou en curtas como Unary (2014), do director Luis Avilés.