top of page

Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Sevilla, o actor e director Carlos Álvarez-Ossorio conta cunha ampla formación no ámbito escénico alicerzada polo seu paso por centros como o Instituto Andaluz de Teatro ou o Centro de Investigación Teatral Territorio Nuevos Tiempos de Sevilla (TNT).

 

Ao longo dos anos desenvolveu o seu traballo cos compoñentes de formacións como Odin Teatret, do Berliner Ensemle, da Escola Biomecánica Rusa, da London Academy of Performing Arts ou do Toneelgroep Amsterdam. En 1996, funda a súa compañía, Cámara Negra, na que exerce como director e coa que obtivo importantes premios. Entre os galardóns recibidos, cómpre destacar o Premio José Luis Alonso da ADE (Asociación de Directores de Escena de España) 2006 para novos directores pola obra A casa do pai, o Premio Telón Chivas 2004 ao Mellor Autor Veterano por Apuntes para un Hamlet ou o Premio na IX Mostra de Teatro de Barcelona 2004 por Hamletmaschine.

 

Máis alá da súa compañía, Carlos Álvarez-Ossorio traballo como director en entidades coma o Centro Andaluz de Teatro, a Convención Teatral Europea, no Festival Alternativo de Teatro e Danza de Vigo, no Corral de Comedias do Parque Temático Isla Máxica de Sevilla ou a compañía maltesa Producciones Sonakay. As súas montaxes, ademais, viaxaron nos últimos anos por toda España e polo estranxeiro, visitando países como Cuba, Grecia, Alemaña ou Malta.

 

A súa traxectoria profesional complétase con outros cargos de responsabilidade -como a dirección artística da Feira de Teatro de Calle LaTeatral (Sevilla)-, formativos -profesor na Escola de Teatro Santart de Compostela- ou de director convidado en encontros europeos como o Connaitre, produire, jouer le jeune Théâtre Européen, organizado en Francia polo Centro Europeo para Directores Novos. Ao longo dos anos, ten impartido multitude de cursos de formación e conferencias sobre as artes escénicas.

bottom of page