Na actualidade, Borja Fernández colabora como creador para os principais nomes das artes escénicas galegas. Referímonos a grupos como Chévere, a plataformas artísticas como Voadora ou a coreógrafas como Uxía P. Vaello. Artista multidisciplinar e de ampla formación, Fernández ademais participa en diversas iniciativas musicais. Neste senso, cómpre destacar a súa implicación no colectivo musical Metamovida ou na formación de rock absurdo Es un árbol.
A súa actual actividade artística baséase nunha ampla e variada formación. Licenciado en Historia da Arte no ano 2000 pola Universidade de Santiago, realizou obradoiros de formación e whorkshops de diversas disciplinas, dende a danza até o circo, pasando polo canto e a iluminación. Recibiu as súas ensinanzas de diversos mestres. Carlos Neira, Ana Vallés, Ángel Burgo, Gabriel Chamé, Cristina Domínguez, Leo Bassi ou Django Edwards son algúns dos nomes que axudaron a construír a súa formación artística.
Dende o ano 2001 traballou en máis de corenta producións, entre montaxes escénicas, proxectos musicais e pezas audiovisuais. No seu amplo currículo, destacan as súas participacións nos elencos de producións recentes como A tempestade (Compañía Voadora, 2014), Eurozone (Grupo Chévere, 2013), Días sen gloria (Centro Dramático Galego, 2013) ou Tokio 3 (Voadora 2012). A súa traxectoria tamén inclúe traballos levados a cabo con directores teatrais tan destacados como son Roberto Leal (Soños, da compañía Bicakadela), Quico Cadaval (Obra, de Producións Excéntricas ou Noite de Reis, no Centro Dramático Galego), Ana Vallés (Illa Reunión, tamén no Centro Dramático Galego) ou Carlos Santiago (Sidecar, da compañía Belmondo). Ademais, en 2005, Borja Fernández traballou para a célebre La Fura Del Baus en Naumón. Como creador, recentemente estreou a súa montaxe Barbazul, unha sabotaxe amorosa en colaboración coa soprano Mónica de Nut e prestou apoio técnico á ultima produción da xa citada Uxía P. Vaello, Fantasma, unha conferencia-performance que trata de reconstruír parte da historia dos republicanos na Guerra Civil Española.