top of page

Alberto Ramos | Comunicación

Xornalista e escritor. Licenciouse en Xornalismo Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela en 2009. Dende aquel ano, encamiñou a súa carreira profesional no eido da información cultural. Ao saír da facultade, entrou a traballar en Xornal de Galicia na súa sección de economía. Pouco tempo despois pasou ás páxinas Cultura do mesmo xornal até outubro de 2011, momento en que a cabeceira bota o peche tres anos despois da súa creación.

 

Despois da desaparición de Xornal, comeza a colaborar como freelance cultural en medios como Praza Pública, A Cuarta Parede, Sermos Galiza ou a revista Luzes, dirixida por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro. Ademais, realiza traballos de comunicación coorporativa, institucional e cultural. Neste eido, exerceu brevemente como membro do equipo de prensa en entidades como Portos de Galicia, ente dependente da Consellería de Mar e Medio Rural; na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), como encargado de comunicación dos Premios de Teatro María Casares e coa promotora Sinsalaudio, coa que colabora e coa que codirixiu a estratexia de comunicación do proxecto Música en Branco, organizado pola Concellería de Cultura da Coruña.

 

Como escritor publicou catro novelas e participou nun libro colectivo. Estreouse na literatura con Dor Pantasma (Biblos, 2006), obra coa que conseguiu o Premio Biblos Pazos de Galicia de novela. Tres anos despois acadou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia grazas á obra Con acuse de recibo (Biblos, 2010). En 2012, gañou o Premio Vicente Risco do Concello de Ourense co libro Todos os días (Sotelo Blanco, 2013). No ano 2014, o seu texto Máscaras rotas para Sebastian Nell (Galaxia, 2014) acadou o Premio García Barros de novela.

bottom of page